O Concello de Santiago de Compostela convoca axudas económicas, de carácter individual, para persoas que a causa da súa discapacidade, enfermidade crónica, tratamento que reciba ou idade teñan dificultades para o uso do transporte público.
Requisitos das persoas beneficiarias:
Estar empadroadas no ámbito territorial do termo municipal de Santiago de Compostela e permanecer de alta no Padrón Municipal mentres perciban a axuda.
Atoparse nalgún dos seguintes supostos:
Teren recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade, cun grao igual ou superior ao 33 % e mobilidade reducida que impida ou dificulte gravemente o emprego de transportes públicos colectivos. Esta circunstancia debe estar acreditada no certificado oficial ou na tarxeta acreditativa do grao de discapacidade emitidos ambos documentos polo Equipo de Valoración e Orientación (EVO) dependente da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
Acreditar, mediante certificado de discapacidade ou informe médico, unha discapacidade visual que implique un grao de limitación na actividade diaria, nun grao igual ou superior ao 75 %, tal como dispón o artigo 32.3 da Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade.
Acreditar, mediante informe médico, a necesidade de tratamento periódico administrado en calquera centro hospitalario da cidade, que lle dificulte a condución de vehículo ou o uso normalizado do transporte público.
Teren recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade, cun grao igual ou superior ao 33 % e residir no contorno rural. Estas circunstancias deben estar acreditadas no certificado oficial ou na tarxeta acreditativa do grao de discapacidade emitidos ambos documentos polo Equipo de Valoración e Orientación (EVO) dependente da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e no certificado de empadroamento emitido dende este concello.
Estar afectados por un determinada doenza que impida a condución de vehículos e resida no contorno rural, dadas as limitacións derivadas da menor frecuencia ou accesibilidade ás liñas públicas. Estas circunstancias deben ser acreditadas mediante informe médico e no certificado de empadroamento emitido dende este concello.
Ter unha idade igual ao 65 anos ou mais e residir no contorno rural, dadas as limitacións derivadas da menor frecuencia ou accesibilidade ás liñas públicas. Estas circunstancias deben ser acreditadas mediante o certificado de empadroamento emitido dende este concello.
Non dispor duns ingresos persoais superiores ao 300 % do IPREM vixente anual. Os ingresos calcularanse tendo en conta a totalidade dos rendementos derivados de: rendementos do traballo, rendementos do capital mobiliario e inmobiliario, rendementos das actividades económicas e outros rendementos que consten na declaración.
Que a persoa solicitante desta axuda careza de vehículo adaptado. Poderase eximir deste requisito aquelas que, por causas debidamente xustificadas, calquera circunstancia lle impida a súa utilización.
Non ser beneficiario do Transporte Adaptado 065 da Xunta de Galicia para esa mesma finalidade. Poderá solicitarse estas axudas cando non exista dispoñibilidade de desprazamento por este servizo e sexa acreditado pola persoa solicitante.
Estar ao corrente durante todo o período subvencionable, e ata o último trámite de xustificación, no cumprimento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), co Concello de Santiago e coa Seguridade Social.
Documento de identidade da persoa solicitante e, se é o caso, documento de identidade correspondente ao representante legal e documentación acreditativa da patria potestade ou representación legal (libro de familia ou resolución xudicial).
No caso de optar a esta axuda por estar afectado por algunha discapacidade, certificado oficial ou da tarxeta acreditativa desta situación, expedidos ambos documentos polo Equipo de Valoración e Orientación da Xunta de Galicia.
No caso de optar a esta axuda por estar afectado por algunha doenza que lle impida a condución de vehículos e residan no contorno rural, informe médico que acredite o devandito impedimento.
No caso de optar a esta axuda por estar a tratamento en centro hospitalario que lle dificulte a condución de vehículos e o uso do transporte público, informe médico que acredite o devandito impedimento.
Certificado de empadroamento e convivencia. Esta documentación só será presentada no caso de non autorizar o Concello de Santiago de Compostela para obter esta información.
Xustificación documental dos recursos económicos: declaración do IRPF do último exercicio económico da persoa solicitante. Esta documentación só se achegará no caso de non autorizar ao Concello de Santiago de Compostela para obter esta información da AEAT.
Certificado bancario co código IBAN da conta na que desexa que ingresen a prestación no caso de que sexa concedida.
Contía das axudas:
Límite de ingresos
Contía máxima que se concede
Ata o 150% do IPREM anual
350 euros, pago único
Máis do 150% e ata o 250% do IPREM anual
250 euros, pago único
Máis do 250% e ata o 300% do IPREM anual
150 euros, pago único
Lugar e prazo de presentación das solicitudes:
As solicitudes, que estarán a disposición das persoas interesadas na Concellaría de Dereitos Sociais, nos diferentes puntos de atención de Servizos Sociais municipais e na páxina web www.santiagodecompostela.gal, formalizaranse segundo o Modelo normalizado CS006BS Axudas individuais servizo de taxi adaptado, e deberán presentarse debidamente cubertos, xunto coa documentación que se detalla na base 4, preferiblemente por vía electrónica, utilizando a sede electrónica do concello sede.santiagodecompostela.gal, ou tamén a través do “Rexistro Electrónico Xeral”, accesible no enderezo electrónico https://reg.redsara.es/ Alternativamente poderase presentar en soporte papel na oficina de asistencia en materia de rexistros do Concello, ou en calquera dos órganos sinalados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.
As solicitudes poderá presentarse ata o 6 de xullo de 2026.